Friday 17 de May de 2024

Guía das Casas Museo e Rutas de Valle-Inclán


Este xoves 6 de abril, ás 20:00 h., no auditorio do Museo Valle-Inclán, terá lugar a presentación ao público da nova guía dedicada ás Casas Museo e Rutas valleinclanianas activas na Pobra do Caramiñal e Vilanova de Arousa.

A edición, en formato libro, ofrece por primeira vez unha visión conxunta de ambas institucións e localidades, unidas polo xenio e figura de don Ramón, un galego protagonista das letras internacionais. Con contidos integramente anovados, así nos seus textos como nas súas fotografías, é da autoría de Antonio González Millán e Rosa Mª Brea Paz, responsables de dirección na Torre de Bermúdez e no Pazo do Cuadrante. Foi redactada en versión trilingüe: galego, castelá e inglés, para favorecer a súa interpretación entre os usuarios duns centros onde recalan viaxeiros, excursionistas e escolares de variada procedencia xeográfica.

Patrocinada pola Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Cultura, que colabora cos centros museísticos de ambas as localidades, no marco do 150º aniversario do nacemento do escritor, que ten a súa continuidade no 2017. Durante este acto de presentación entregarase un exemplar gratuíto aos asistentes.